Noviembre 12, 2008

                                  ENTREVISTA

                                                                                                   

 

Realizamos a entrevista a Dona Encarnación Fernández Pardavila, de 84 anos, veciña de A Pobra.

Dona Encarnación abriunos as portas da súa casa e moi amablemente, respondeu ás preguntas que lle fixemos.

Primeiro lle preguntamos polos medios de transporte e nos contou que na súa época había “o Vapor” (barco de vapor) que ía a Vilagarcía; era o máis utilizado pois alá ían ás compras (o mercado era os martes) e a coller o tren, se tiñan que facer unha viaxe a outro sitio de España.

Tamén había autobuses (“o coche de Santiago” chamábanlle) que ían de Ribeira a Santiago.

Na Pobra, a parada estaba onde hoxe é o “bar Castelo”. A Santiago ían, fundamentalmente, ao médico.

Por aqueles tempos, non lembra que ninguén tivera coche propio (quizás “os mais ricos, os Barreras “, di ela) e que soamente había dous taxis.

Seguidamente, preguntámoslle sobre a electricidade nas casas. Hai que dicir que a familia de Encarna foi emigrante ao Pais Vasco; de feito ela naceu alí. O seu pai traballaba de patrón nos barcos de Pasaxes de San Pedro. Regresaron á Pobra cando ela tiña 6 anos e compraron unha boa casa (para aquela época), un barco e os apeiros necesarios para vivir aquí da pesca.

É importante dicir isto para entender que na súa casa xa había luz eléctrica pero non era o habitual; así nos conta como na casa de súa aboa utilizaban candís con velas para poder ver de noite.

Aparatos eléctricos non había ningún; a cociña era de leña. O máis normal nas casas eran as lareiras pero a súa nai (como viña acostumada do País Vasco) mercou unha pequena cociña de ferro e a puxo encima da lareira. Funcionaban tamén con leña.

A súa familia non pasou fame, nin sequera no ano 41 que foi o peor da posguerra. Conta que o seu pai traballou moito ( aínda que morreu no mar aos 45 anos) e nunca lles faltou de nada : “tiñamos de todo”. Mercaban o millo, amasábano na casa e levábano a cocer ao forno que había na Rúa Nova. Na casa había un forno pequeno onde facían as empanadas. Criaban galiñas nunha pequena horta que tiña a vivenda. Eran unha familia de pescadores e alimentábanse do que traían ( o pai e os dous irmáns de encarna

                                                                                               

 

ían ao mar tódolos días). Lembra cando na praia do Areal, na seca, había vieiras; o seu pai collíaas: “eran riquísimas”. Lamentase de que hoxe desapareceran, igual que as navallas.

Dentro do menú habitual, o caldo era moi corrente, tanto na súa casa como nas outras.

En resumo, díxonos que a súa familia comía como hoxe : peixe ao forno, carne guisada, caldo, empanada ….. Pero non todo o mundo, naquela época, era tan afortunado; de feito, lembrou unha familia veciña deles, que pasaban fame e ían roubar verdura ás leiras para poder comer.

Encarna e os seus irmáns ( dous varóns) foron á escola ata pasados os 14 anos. Logo, comezaron a traballar, ela nunha sastrería a aprender a coser e os seus irmáns na pesca.

Lémbrase da escola como algo que lle encantaba, gustaríalle estar máis tempo nela e seguir estudando, pero eran outros tempos e había que traballar ( a súa nai quedou viúva moi cedo).

Recorda que xogaban na rúa e de xoguetes lembra que tiña unha moneca . Tódolos anos os Reis Magos lle traían unha; era de cerámica e viña nun estoxo de madeira: “aquí sempre houbo Reis, o que fora”, dinos Encarna.

En canto ás empresas que había no pobo, falounos das fábricas de conservas (sardiña) dos cataláns. O pobo vivía do mar (pesca, marisqueo, fábricas de conservas) e a aldea vivía da terra. Na pesca utilizaban a liña e barcos de remos dunhas 10 ou 12 persoas (as traiñas antigas). No campo, o sacho e o arado tirado por vacas.

Referente a isto, cóntanos unha anécdota sobre os labregos: despois de labrar a terra, para allanala, sentaban a unha vella enriba dunha táboa da que tiraban as vacas, en vez de outro peso calquera.

A xente da aldea vendía carne, ovos, leite …. Non había máquinas, todo se facía á man, por exemplo, a malla do trigo. Os labregos chamaban aos amigos e familiares para que lle axudaran na época da malla e facíase unha gran festa, asábase un cordeiro para todos, “era moi bonito”. A malla realizábase con paus, o trigo ( ou avea) soltaba o gran que caía nunca gran lona.

Naquela época non se reciclaba nada, pero tamén todo se aproveitaba moito máis : os restos da comida ían para os animais e as defecacións ían directamente a unhas cuadras. Tódalas casas tiñan a súa cuadra.

 

                                                                                              

 

Na casa de Encarna estaba fóra da vivenda, nun patio exterior, tanto o retrete como a cuadra. Pero lembra que noutras casas non era así, por exemplo, na da súa avoa, nin sequira había cuarto para o retrete senón unha tapa no chan da cociña que se levantaba para facer as necesidades que ían directamente á cuadra situada debaixo. Na casa da súa sogra, recorda que o cuarto do retrete (cunha pileta) estaba no piso de arriba e a cuadra xusto debaixo, lindando coa cociña e separada desta por unha parede e unha porta. Unha vez ao ano, labregos coñecidos, viñan buscar o esterco a esas cuadras e o utilizaban como abonos para a terra (non había abonos químicos). Era a súa maneira de reciclar.

Todos os demais restos tirábanse (á praia ou a algúns dos vertedoiros que máis cerca estaban), pero non había tantos como hoxe, así, non se utilizaban bolsas de plástico, cando ían a compra á tenda envolvían o producto en papel de estraza, “facían un cartuchiño”.

Só había cañerías para as augas da chuvia. As augas do fregadeiro saían ás hortas ou á rúa que estaba sin asfaltar; era de terra.

Non tiñan auga corrente nas casas. Na súa, había un pozo na pequena horta, ó que acudían moitos veciños a buscar a auga (“o que tiña pozo era un privilexiado”). Para beber ían buscala á fonte máis cercana.

A roupa, a maioría, lavábase no río.

Encarna lembra os outonos e invernos de cando era unha nena, como moi chuviosos. “Non paraba de chover desde Setembro” e recorda os temporais do nordés (hoxe non os hai) cun vento terrible. Non se podía andar pola calle porque o vento arrastraba á area da praia e facía dano nas pernas e na cara. Cando había temporal, chegaba da escola, arrimábase á cociña de ferro, ceaba e para a cama.

No inverno, ao facerse de noite máis cedo, non andaba a xente pola rua, pois ao non haber luz eléctrica, estaba todo oscuro e non se vía nada.

No Pais Vasco, conta dona Encarna, era todo moi distinto, “aquello ía á par con Francia”, “aquí, en Galicia, estaba todo moito máis atrasado.

 

 

                                                                 Sobre o cambio climático, non se falaba cando Encarna era unha nena ou na súa mocidade , “é algo de agora”.  Da contaminación si ten escoitado: “isto contamina, isto non”. Moita xente concienciouse                                                                                              

dese problema, de que non se poden tirar as cousas á praia coma                                                                                        antes, aínda que hoxe hai quen o fai e pon o exemplo da praia de San Antonio onde hai un recuncho onde se acumulan moitos plásticos, traídos todos polo mar.

Polo que respecta ós eucaliptos, di que non están moi ben vistos porque consumen moita auga; coñece a unha persoa no Camiño Ancho que tiña ao lado unha eucalitrera e as árbores acabaron con toda a auga do seu pozo. O eucalipto da diñeiro pronto pero a longo prazo non é bo. Cre que chegará o momento de que non os deixen plantar.

Sobre os incendios forestais e as súas consecuencias, Encarna opina que estamos a tempo de cambiar as cousas e restaurar a natureza aínda que levamos moitos anos destrozándoa. Os gardas forestais teñen moito que ver de cara o futuro dos montes, pensa ela.

En canto á contaminación das fábricas, pensa que tamén hai moito que facer. En Ribeira, toda o lixo das fábricas vai ao mar e sae por Corrubedo ou Aguiño.

As industrias son moi importantes, non poden deixar de producir, pero hai que poñer depuradoras; hai que buscarlle solución aos problemas da contaminación.

Escribe un comentario